Tuesday 30 de April de 2024

O Concello de Ordes traballa na procura dun centro ocupacional de media estancia


Nas vindeiras semanas abrirase este espazo situado nun céntrico inmoble, no cal se realizarán labores terapéuticos con persoas que presenten algún tipo de enfermidade mental

O Concello de Ordes confía en ter nun breve espazo de tempo un centro ocupacional de media estancia no que poder desenvolver actividades variadas e atender os casos de enfermidade mental do municipio. “Un proxecto no que se leva traballando dende hai algún tempo procedendo coa remodelación da antiga escola unitaria que dea resposta ás necesidades e atencións que precisan os veciños e veciñas que demanden unha atención especializada e profesional para a mellora da súa saúde mental”, manifesta o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo. Un compromiso que xa se puxo de manifesto no pleno celebrado a pasada semana, no que por unanimidade aprobouse unha moción presentada polo PSOE en prol das melloras na atención sanitaria para este tipo de casos.
Esta actividade estaría desenvolvida polo equipo de psicólogos e terapeutas de Andaina Pro Saúde Mental, en coordinación co Departamento de Servizos Sociais municipal, que se caracterizan polo seu traballo cos casos rexistrados na poboación rural. Dende hai anos Andaina Pro Saúde Mental vén desenvolvendo obradoiros, sesións de distinto tipo, xornadas temáticas, clases e terapias no concello de Ordes. Unha responsabilidade que pretende ampliarse dado o bo resultado que se manifesta nos usuarios e usuarias, así como nos axentes que conforman o seu contorno familiar e doméstico. Por todo isto dotaráselles dun espazo de traballo máis apropiado situado no inmoble da rúa Galicia, que actualmente está a ser reformado polo alumnado do obradoiro de emprego ‘Terras de Trastámara’. Tras a súa intervención disporase de máis e mellores consultas para a atención e o seguimento psicolóxico, salas polivalentes, despachos e sala de curas, ademais de contar con todas as medidas de accesibilidade conforme á normativa vixesnte. A día de hoxe a asociación sen ánimo de lucro conta co apoio económico e loxístico tanto do Concello ordense como da Mancomunidade de Ordes.

Maior problema no rural
“Valoramos moi positivamente a aposta que dende Ordes se está facendo para mellorar non só a vida das persoas que presentan este tipo de doenzas senón tamén as dos seus familiares”, explica Omaira Tuirán, fundadora de Andaina PSM. “Un problema que se multiplica se a persoa afectada reside nun ámbito rural xa que as alternativas ou posibilidades se reducen moitísimo. Para moitos deles e delas a opción que lles queda é a de quedar na casa medicándose, coa conseguinte impotencia que termina por crear un problema ás persoas que viven baixo o mesmo teito. Isto é algo do que temos falado moito coa concelleira de Servizos Sociais, Susana García, a cal está moi concienciada e comprometida con isto”, conclúe.
Como exemplo do traballo desempeñado polos profesionais e voluntarios de Andaina nestes momentos pódense citar, ademais das consultas e seguimentos psicolóxicos, os obradoiros e sesións de arteterapia, clases de teatro ou informática, respiros familiares, horticultura ou cociña que se levan a cabo. Todo baixo a supervisión e a dirección de profesionais destas materias, así como de psicólogos e terapeutas de sobrada experiencia.